O PSOE CRITICA O RETRASO DOS ORZAMENTOS MUNICIPÁIS QUE PARALIZAN NOVAS INVERSIÓNS
- novoimpulsooporrin
- 3 jun 2022
- 2 Min. de lectura

O grupo municipal socialista lamentou hoxe o retraso na presentación dos novos orzamentos municipais para o 2022 por parte do goberno municipal. Esta foi a valoración do PSdeG-PSOE do Porriño tras comprobar que xa pasou a metade do ano, e tendo xa a liquidación do ano 2021, que ten un importante remanente positivo do anterior goberno socialista, o alcalde segue retrasándose na presentación dos novos orzamentos.
O secretario xeral e voceiro local do PSOE porriñés, David Alonso, destacou que “non podemos seguir presentando proxectos dos que se descoñece a financiación, como foi o da reforma do parque infantil do Porriño. O Porriño precisa a ferramenta duns orzamentos municipais pronto. De non ser así, o PSOE comezará a negociar co resto dos grupos unha proposta para levar ao pleno da corporación. Se o alcalde non fai os seus deberes, ademáis de sacarse fotos, teremos que tomar dende o pleno, a responsabilidade de impulsar uns orzamentos.”
Alonso e o grupo socialista afirmaron hoxe que “existen importantes fontes de financiación e proxectos, como o da eliminación do paso a nivel, que requiren a súa parte de inversión municipal, ou a posta en marcha do bono enerxético proposto polos socialistas, a adquisición de varios inmobles municipais e inversións nas parroquias. Ata o de agora, o PP ten gastado 3 millones dos aforros municipais, pero sen proxecto de goberno á vista salvo para programación de festas e deportes”
“Os socialistas – afirmou Alonso- deixamos un importante remanente de tesourería positivo, que se pode adicar a obras ou aquisicións, pero o goberno ten que facer os deberes e presentar un borrador de orzamentos para negociar coa corporación. E a estas alturas, xa case é mellor pensar no 2023, porque o trámite de aprobación dun orzamento é de 2-3 meses cando menos e xa nos poñemos a final de ano”. Un feito que os socialistas tildaron de “mala xestión económica e escasa planificación”
O grupo socialista preguntará polo orzamento no vindeiro pleno. “Se non temos un borrador de orzamentos neste mes, perderase a oportunidade de facer inversións no 2022.”
Comments